|
O Tucano, pura enxeñaría
O pico do tucano foi analizado polo miúdo desde a enxeñaría por primeira vez. Entre as súas conclusións, descóbrese que o pico destas aves está optimizado nun grao asombroso para lograr alta resistencia e baixo peso. Marc A. Meyers, profesor de Mecánica e Enxeñaría Aeroespacial da Universidade de California, desvelou que o segredo da forza e lixeireza do pico do tucano é un biocomposto inusual, que podería inspirar o deseño de aeronaves ultralixeiras e de compoñentes para vehículos a partir de espumas sintéticas feitas con metais e polímeros. |
 |
Da Vinci, paxaros na cabeza
Analizando o voo dos paxaros, a comezos do século XVI Leonardo da Vinci anticipou varios deseños que se converterían en contribucións importantes para o desenvolvemento da aviación: como o parafuso aéreo ou a hélice e o paracaídas. Aplicou por primeira vez técnicas científicas para desenvolver as súas ideas, e concibiu tres tipos distintos de enxeños: o ornitóptero (máquina con ás que se movían mecanicamente), o helicóptero (deseñado para elevarse mediante o xiro dun rotor situado no eixe vertical) e o planeador, no cal o piloto se suxeitaba a unha estrutura ríxida á que ían fixadas as ás, deseñadas á imaxe das grandes aves.
|
 |
A enerxía dun paxaro
Os paxaros grandes queiman enerxía extra ao despegaren, e os pequenos utilízana para tratar de mantérense quentes. Así que ambos os dous tipos de ave están deseñados para proverlles enerxía aos seus corpos. O seu sangue é quente e necesitan manter o corpo a temperatura constante. Os paxaros resolven o problema da enerxía de maneira natural. Todos os órganos internos funcionan a alta velocidade, e isto, pese a acurtar a vida do animal, posibilita crear un alto nivel de enerxía.
|
|


|